Busqueda (En Blog e Internet)

martes, 28 de julio de 2009

Preparados para a gripe

Sanidade agarda 15.000 casos na semana de máxima incidencia para este outono. Activaranse plans anti caos en sanidade e transportes así como protocolos nas empresas.

A Consellería de Sanidade prevé que "na semana de máxima incidencia" do virus da gripe AH1N1 no outono se rexistren 15.000 casos en Galicia. Confirmouno onte en Santiago a titular do departamento, Pilar Farjas, quen asegurou que están traballando na "adecuación dos servizos de urxencias" ós distintos escenarios que poidan presentarse, tendo en conta que as hipóteses do Ministerio de Sanidade apuntan que a onda de influenza porcina podería infectar "entre o 25 e o 30% da poboación".
Dado que esta patoloxía afecta especialmente os adultos novos, polo que as baixas laborais poderían alcanzar un 40%, Pilar Farjas adiantou que esta mesma semana se reunirá con representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Delegación do Goberno, sindicatos e das grandes empresas para promover a elaboración de "protocolos específicos" e de "plans loxísticos" nas organizacións empresariais co fin de conter o impacto da pandemia.
A este respecto, a conselleira destacou a importancia de planificar a actuación de cara á posibilidade da repunta dos casos que se espera para o outono "con todos os sectores", co fin de garantir a normalidade de servizos como os portos, aeroportos, cárceres e das Forzas de Seguridade. "Traballamos na liña adecuada e con todos os recursos", asegurou.
En canto a volta ás aulas no outono, explicou que as medidas que se deberán aplicar para evitar o contaxio son "un dos interrogantes" nos que o Sergas traballa con Madrid. Nestes momentos, "non existe ningunha recomendación de atraso na incorporación ó curso escolar", nin a escala nacional, nin por parte da Organización Mundial da Saúde (OMS). En todo caso, as autoridades sanitarias deseñarán nos próximos meses "os plans operativos" de cara ao comezo das clases.
Ante as previsións que apuntan a un posible colapso nos centros de saúde, Farjas insistiu en que un grupo de traballo no que participan profesionais "de todos os ámbitos asistenciais" están elaborando os plans operativos "tanto para Atención Primaria, como para Urxencias Hospitalarias". Así as cousas, o Sergas impulsará a "reorganización asistencial" para "adecuar os recursos médicos e asistenciais" á variación da incidencia da gripe.
"Pretendemos garantir que se atenda os pacientes en tempo e modo adecuados", afirmou, á vez que incidiu en que aínda é "moi cedo" para estimar a incidencia da pandemia nos momentos "máis álxidos".
Pola súa parte, a ministra de Sanidade, Trinidad Jiménez, avanzou onte, durante a súa comparecencia na Comisión de Sanidade do Congreso dos Deputados, que recibirán a vacina da gripe A os traballadores sanitarios e "doutros servizos esenciais básicos", as embarazadas, os nenos "ata os 14 anos de idade", e todos os pacientes con patoloxías crónicas graves ou problemas de obesidade, considerado tamén como "un factor de risco".
Entre os pacientes con enfermidades crónicas graves atópanse os que sufran patoloxías cardiovasculares, asma, EPOC, diabetes, insuficiencia renal e persoas inmunodeprimidas, en xeral, segundo adiantou a ministra, quen explicou que o límite de idade para vacinar os nenos fixarase nos 14 anos por ser "a idade pediátrica establecida".
No entanto, subliñou que a estratexia de vacinación definitiva para España será a que Sanidade consensue co resto das autoridades da UE, coa que seguirá traballando o Goberno e a Presidencia sueca "en agosto e setembro" e que se volverá tratar en outubro, no marco dun novo Consello extraordinario de Ministros de Sanidade da UE.

Autor y enlace: Galicia-Hoxe.com