Busqueda (En Blog e Internet)

sábado, 31 de enero de 2009

Traballadores/as do Hospital Virxe da Xunqueira de Cee exixen o cese inmediato do director xerente


O Comité de Empresa do Hospital Virxe da Xunqueira en Cee demandou o cese inmediato do Director Xerente do centro pola pésima xestión e os constantes ataques aos traballadores/as do hospital que esta persoa realiza a través dos medios de comunicación. Ao mesmo tempo, lembraron que xa teñen interposta unha denuncia contra a xerencia pola negativa a entregar o resultado de contas aos membros do Comité.


Ana Lestón, presidenta do Comité do Hospital Virxe da Xunqueira, e delegada da CIG, reclamou en nome dos traballadores e traballadoras do centro médico o cese inmediato do director xerente do centro, Francisco José Pazos Soto, ao que acusou de ignorar as peticións de información por parte do Comité e os atacar constantemente ao cadro de persoal. O Comité tamén responsabilizou ao SERGAS desta situación, xa que “é coñecedor dunha longa lista de reclamacións deste comité de empresa”, e demandaron que se tomen as medidas oportunas para solucionar unha situación que afecta directamente a cualidade do servizo que poden ofrecer. Lestón explicou que o Comité xa ten interposto unha denuncia no xulgados do Contencioso-administrativo contra o xerente, logo de que se negase unha e outra vez a informar sobre a actividade do hospital. “Até que entrou esta persoa, hai case tres anos, o Comité recibía un informe mensual das contas de resultados do hospital, e nunca tivemos problema con ningún responsábel”, apuntaron. De igual xeito, destacaron que os ataques que Pazos Soto lanza contra os profesionais do Hospital “non fan máis que crear alarma entre a poboación desta área sanitaria”. A actitude do director xerente chegou a tal punto que mesmo acusou publicamente aos traballadores/as das demoras en Urxencias, “cando a cobertura médica estaba a metade do que tiña que estar”. “Este señor o que fai é ocultar a súa incompetencia detrás dos insultos ao Comité e aos compañeiros de medicina interna”, explicou Ana Lestón. Peores resultados A este respecto, a presidenta do Comité denunciou que a pesar do incremento do cadro de persoal e do orzamento “unha reivindicación que fixemos todos os traballadores e traballadoras e da que agora se queren atribuír os méritos na xerencia”, os resultados “son peores que cando eramos menos e con menos cartos”. Ao que engadiu que o número de reclamacións por parte dos usuarios e usuarias do centro aumentou considerabelmente “dende que está este director xerente”. Pola súa banda, a secretaria da Federación de Saúde da CIG, María Xosé Abuín, quixo transmitir o apoio da central ás reivindicacións do Comité e solidarizarse cos traballadores/as polas críticas inxustificadas que están recibindo. “A cuestión é que aquí se está a defender a un xestor pola súa vinculación política sen ter en conta como desenvolve a xestión do hospital que ten ao seu cargo”, afirmou.